Navegación por
Mes: Marzo 2017

Os Labregos vs. Iggy Pop: I wanna be your dog

Os Labregos vs. Iggy Pop: I wanna be your dog

Os Labregos do Tempo dos Spútniks poñen fin á súa marabillosa (e estraña) carreira musical. Hai dez anos nacía en Compostela un trío de fenómenos formado polo García (Deus ke te Crew), o Leo (i Arremecághona) e o Vero (Xenreira). Aínda que tal unión puidera parecer impensable, no escenario xuntaban a súa rabia, a súa forza e o seu compromiso para facer algo novo e mellor. Aos poucos, Vero deixou o grupo e foi Lydia (Bolboreta) a substituta na percusión. Co paso do tempo, a súa posta en escena foise afinando e pasou a ser máis unha “perfomance” que un concerto ao uso. A poesía, o discurso político, a recuperación de vellos temas galegos, a lembranza de personaxes esquecidos, a posta en escena con todo tipo de parafernalia fai que as súas actuacións sexan inesquecibles. E así me pasou a primeira vez que os vin. Quedei impactado, abraiado por eses tres salvaxinos que non deixan monicreque con cabeza, zoscando a todo dios, sen piedade. O meu primeiro concerto dos Labregos foi un dos mellores concertos que teño visto na miña vida, e iso que teño visto a moitos, moitos grupos enriba dun escenario.

Este sábado dez anos despois, os Labregos pechan un ciclo, na mítica sala Nasa (sempre será A Nasa) de Compostela, a cidade que os viu nacer, tamén será a testemuña do derradeiro concerto dun grupo de culto. De seguro que seguirá habendo labregos na nosa terra, pero xa non serán daqueles tempos dos spútniks na libertá do vento e dos camiños.

É ben sabido que Os Labregos adoitan facer un montón de versións galeguizadas de clásicos do punk-rock, pero a min a que máis me sigue poñendo a pel de pita é a versión que seguro que a propio Iggy Pop lle encantaría, o “I wanna be your dog“.

Cancelas ao campo

Cancelas ao campo

E aínda así, hai quen pon cancelas ao campo.

cancela de Luar Na Bailada en 500px.com

Cervexa Tecate Light en Hell Boy 2

Cervexa Tecate Light en Hell Boy 2

¿Que non pode facer ese son inconfundible dun lata de cervexa cando se abre? Pois é quen de unir a dous seres cunha apariencia ben estraña, é quen de poñelos a cantar unha canción empalagosamente romántica e non sei cantas cousas máis. Polo menos, iso é o que pasa cando un par de monstros se poñen a beber unha Tecate Light na película Hellboy 2.

Así que desta vez toca falar da cervexa mexicana Tecate que aparece na película Hellboy 2: O exérciro dourado (Guillermo del Toro, 2008, EEUU).
A cervexeira Tecate foi fundada no ano 1944 no pobo do mesmo nome na Baixa California, México. Pasados dez anos foi mercada pola Cervecería Cuauhtémoc, unha empresa fundada a finais do século XIX. Nos anos 80, a empresa Moctezuma, tras unha grave crise financieira, fusiónase con Cuauhtémoc e forman o grupo Cuauhtémoc Moctezuma. Como tantas veces ten ocurrido, as empresas grandes compran as pequenas e no ano 1994, o grupo canadiano Labatt, faise coa compañía mexicana. Na actualidade forma parte do grupo Heineken. Tecate foi a primeira marca en empregar o formato lata en México.
A Tecate Light é unha cervexa rubia de estilo Lager (American Light), de tan só 3,7 graos. Como podedes imaxinar, aínda que sexa a cervexa favorita dun diaño roxo como unha centola, a cervexa Tecate Light non é ningunha marabilla, tal como confirman as puntuacións en Ratebeer e Untappd.

Na película, Hellboy aparece en varias ocasións bebendo Tecate Light, deixamos un par de vídeos subidos por Luena Rincón e Joshua Riveros.

The Sidewalks of New York nun filme dos anos 20

The Sidewalks of New York nun filme dos anos 20

Annabelle Lee (William J. Scully, 1921) é unha película sobre un deses amores case imposibles, nos que a diferencia de clase é un impedimento difícil de superar. Nesta ocasión o protagonista decide botarse á mar para conquistar os favores do pai da súa amada, Annabelle. No filme hai unha escena onde varios mariñeiros cantan acompañados dun acordeón. Nun dos intertítulos, podemos ler

East side, West side
All around the town

Así que é bastante probable, que os mariñeiros estean cantando a famosa canción “The sidewalks of New York“, un tema con claras lembranzas á música de taberna morriñenta que tanto gusta aos irlandeses. E así é, pois foi composto polo irlandés emigrado aos EEUU, Charles B. Lawlor e letra de James W. Blake e conseguiu acadar un grande éxito a finais dos anos 90 do século XIX e foi interpretado por numerosos artistas ao longo do século XX (+info en The Sidewalks of New York, en inglés)

Esta é a montaxe da escea do filme e a canción interpretada por Robert Sean Leonard.

De cañas no Madrid dos anos 50

De cañas no Madrid dos anos 50

Brigada Criminal (Ignacio F. Iquino, 1950) conta a historia dun policía recén licenciado e o primeiro caso que lle toca levar e infiltrarse nun lavadoiro de coches pra intentar coller aos culpables duns pequenos roubos que se fan nun garaxe. Ao tempo, o que semellaba un caso sinxelo vaise complicando pouco a pouco.

O caso é que en Brigada Criminal aparecen dous policías tomando unha caña, moi ben tirada por certo, nun bar de Madrid, preto da estación Alonso Martínez, nos anos cincuenta. O tirador é moi probable que sexa de cervexas El Aguila e o establecemento probablemente sexa o bar La Concha.
Tal e como se pode ver nesta foto da páxina Madrid Antiguo, a semellanza é bastante fiable.

Ao continuar empregando o sitio, aceptas o uso de cookies. máis información

Os axustes de cookies para esta páxina están para "aceptar cookies" para darche a mellor experiencia posible ao navegar por este sitio. Se segues empregando esta páxina sen trocar os teus axustes de cookies ou premes en "Aceptar" estás a dar o teu consentimento a estes axustes.

Close