Navegación por
Categoría: Cervexadas

Cousas curiosas sobre cervexas.

Bombas de birra na II Guerra Mundial

Bombas de birra na II Guerra Mundial

O chamado Día D foi un dos eventos chave na ofensiva aliada para reconquistar Europa das mans dos nazis. Unha vez superada a proba inicial de tomar as praias francesas, o exército aliado comezou a avanzar cara o interior. A pesar de todas as penalidades, dúas semanas despois do comezo da operación Overlord, un reporteiro na zona escribe que, as tropas inglesas non poden beber máis que unha sidra augada, nada de cervexa por aquelas terras francesas.

Os primeiros intentos de levar cervexa terra a dentro dan os seus froitos. Un spitfire IX do Escuadrón noruegués 332 sobrevoa a Canle da Mancha cun tanque de combustible reconvertido, cargado con cervexa inglesa: unha PA Ale, agasallo da cervexaría Henty & Constable de Chichester, que pecharía so dez anos despois en 1954.

Tangmere, Sussex, xullo de 1944. Tanque de combustible dun Typhoon/Hurricane reconvertido para ser empregado nun Spitfire e levar cervexa inglesa á fronte francesa. Decatarse da mensaxe escrita, “zume de ledicia”

Probablemente, o primeiro envío de cervexa desde o aeroporto de Tangmere en Inglaterra, ata Bény-Sur-Mere en Francia, chegou sobre o trece de xuño de 1944, apenas unha semana despois do desembarco e, a pesar do “regusto” a carburante, foi todo un éxito entre as tropas alí situadas.
Mais, este non foi o único método para lograr levar a ansiada cervexa desde Inglaterra ata as terras francesas. Debido a algúns problemas cos avións Typhoon, a algúns membros polacos da RAF ocorréuselles a marabillosa idea de colocar no lugar das bombas, unhas pipas cheíñas de cervexa; as auténticas “bombas de cervexa” empezaron a chegar ata a zona de Caen a principios de agosto de 1944, e de novo semella que a cervexaría Henty & Constable era a encargada de encher as pipas.

Un Spitfire IX cunha pipa de cervexa no lugar das bombas.

Parafraseando aquela famosa frase antibelicista dos oitenta, “bombas si, pero de cervexa”.

A maior parte da información está sacada do excelente blog Zytophile, en concreto, desta entrada You won’t believe this one weird trick they used to fly beer to the D-Day troops in Normandy e do interesantísimo libro Strange Tales of Ale, ámbolos dous de Martyn Cornell.

Bebe e ducha #showerbeer

Bebe e ducha #showerbeer

Seica hai unha lexión de xente que lle presta beber unha cervexa mentres está na ducha. Co cancelo #showerbeer quérese reivindicar o pracer dunha ducha quente e unha cervexa xeada e polo visto é unha tendencia por eses mundo de aí fóra.
Así que alguén moi listo ideou unha cervexa para tomar na ducha, unha cervexa con toques cítricos e herbais que lembran ao sabor do ¡¡xabrón??, nun formato pequeno para apurar en tres grolos e que serve tamén como acondicionador para o pelo.
A verdade que a idea non me parece demasiado atraínte. Meterse na bañeira a beber cervexas de 10º, nun envase de cristal e por riba estragala para acondicionar o pelo, semella un pecado capital de imposible absolución.
A idea conceptual foi da cervexería sueca Pang Pang (cunha das peores páxinas que teño visto) e a axencia de publicidade Snask mais, dado o éxito inicial da idea, parece que van seguir a producir máis desta cervexa. Os tempos mudan e o “Bebe y Lucha” do PGB vai trocar en “Bebe e ducha”.

+info no artigo de Munchies: “There’s Finally a Beer Made Specifically for Drinking in the Shower“.

Anuncio La Estrella de Galicia (1932)

Anuncio La Estrella de Galicia (1932)

Anuncio aparecido na revista Revista mensual ilustrada del Auto-Aero Club de Galicia alá polos anos trinta do século pasado. Cando o importante era a mensaxe e non o deseño nin a innovación. De feito, ese mesmo anuncio sen ningún cambio, seguiu aparecendo durante moitos anos nesa publicación polo menos ata 1938.


Folla completa da revista.


Detalle do anuncio de La Estrella de Galicia.

De cañas na casa con Waytap

De cañas na casa con Waytap

Un dos soños de calquera bebedor de cervexa é poder gozar, na casa, dunha caña ben tirada dalgunha das súas cervexas favoritas.

Hai anos que ando á procura dese soño.

Nun primeiro momento pensei en mercar, de segunda man, un tirador da estrella para poñer na barra do bar que teño instalada no salón da casa. O problema é evidente, ou bebes cañas a esgalla ou a cervexa acaba derramada. Engadir que o prezo de toda a instalación tampouco era moi atraínte.

Anos despois apareceu un sistema caseiro para determinados tipos de barrís pequenos, de cinco litros. O dispensador de cervexa Krups tentou de facer ese soño realidade…mais non era perfecto. Nunha primeira quenda o Krups, estaba pensado para barrís de Heineken, e a verdade para beber Heineken, mellor quedamos como estabamos. Co paso do tempo a oferta foise ampliando e hoxe en día hai máis marcas pero o sistema ao final non acabou de despegar.

Sen embargo, hai un par de semanas e de xeito totalmente casual, atopei un cacharro que pode facer ese soño realidade. Ciencia e cervexa unidas para dar unha solución enxeñosa, económica e, polo que parece, definitiva e é que Fizzics Waytap, sen empregar CO2, nin nitratos nin trucos raros, consegue que calquera cervexa, en botella ou en lata, acabe nun vaso cunha carbonatación axeitada, cos aromas propios e unha boa e saborosa capa de crema. O Waytap emprega ondas ultrasónicas para conseguir que as burbullas se compacten formando unha escuma densa que lembra á crema producida por un tirador de calquera bar. O sistema está patentado, probado e tal e como afirman centos de persoas e revistas especializadas que xa o probaron, o resultado é óptimo.

Fizzics Waytap fixo xa unha primeira tentativa no ano 2015, grazas a unha campaña de mecenado conseguiu sacar adiante o proxecto, repartindo entre os mecenas unhas 2000 unidades. Mais, neste 2016 decidiron facer un produto máis cómodo, cun novo deseño máis innovador e, sobre todo, cun prezo accesible e que puidera chegar a un público máis amplo. Para conseguilo iniciaron Fizzics Waytap na plataforma Kickstarter. O obxectivo era conseguir medio millón de dólares…levan máis de 800.000 nestes momentos, o que da unha idea clara da viabilidade do proxecto e das gañas do consumidor de cervexa deste tipo de aparellos.

As principais ventaxas do Waytap pódense resumir en:

  • apto para case todos os tipos de botella e lata
  • non precisa unha toma de corrente, vai a pilas
  • moi doado de transportar, polo que se pode mover a calquera sitio
  • o sistema de ondas ultrasónicas non altera o producto
  • prezo accesible (100$ se es mecenas, uns 120-130$ cando saia ao mercado).

Teño participado noutros proxectos de mecenado deste tipo, sobre todo, para a edición de traballos discográficos ou películas, mais nunca tivera participado nun financiamento de tipo empresarial. Se todo vai ben e se cumpren as expectativas, a finais de ano poderemos probar o produto. Agora que a cervexa artesá está nun momento doce, abrindo mercados e gañando visibilidade, pode ser que este aparato sexa o empurrón definitivo para conseguir que a cervexa artesá se consolide, por fin, entre os consumidores.

Unha pequena demostración do Waytap neste anuncio da propia marca.

End of History ou a cervexa máis rara do mundo

End of History ou a cervexa máis rara do mundo

Unha das cervexerías máis recoñecidas polas súas etiquetas e o xeito de facer algunha das súas cervexas é, sen dúbida, a escocesa BrewDog, un dos lemas da empresa xa o di todo “Beer for punks” (Cervexa para punkis). Son recoñecidos polos seus estilos transgresores e innovadores, sacando ao mercado cervexas envellecidas en barrís de whisky, facer experimentos para a súa propia serie de TV: BrewDogs ou entrar na carreira por conseguir a cervexa con máis graos alcólicos do mundo.

Nesta carreira de fondo, os escoceses levan batendo rexistro tras rexistro as marcas dos competidores, usando unha técnica baseada na conxelación fraccionada extrema, moi ben explicada en How To Make Strong Beer Stronger: a cervexa conxelada, vai perdendo auga, concentrando o alcol cada vez máis, ata conseguir cervexas de máis de 30 graos. A última, ata agora, destas creacións, foi a cervexa chamada End of History (Fin da Historia), unha frikada de nada menos que 55% de ABV. Ademais de ser a cervexa máis forte de mundo é a máis cara, pois só sacaron 12 botellas ao mercado a un prezo de máis de 500 libras esterlinas. Para rizar o rizo, non se lles ocurreu mellor idea que facer un deseño orixinal, un taxidermista preparou doce esquíos que morreron atropelados na estrada para aloxar no seu interior unha botella de 33 cl.
Sen dúbida unha cervexa que non deixa indiferente.

Para rematar, o vídeo de presentación da cervexa polos dous xefes de Brewdog, no que contan a historia desa carreira imparable e explican o nome da cervexa. Un vídeo moi WTF!!

The End of History from BrewDog on Vimeo.

Ao continuar empregando o sitio, aceptas o uso de cookies. máis información

Os axustes de cookies para esta páxina están para "aceptar cookies" para darche a mellor experiencia posible ao navegar por este sitio. Se segues empregando esta páxina sen trocar os teus axustes de cookies ou premes en "Aceptar" estás a dar o teu consentimento a estes axustes.

Close