Navegación por
Etiqueta: música

Os Labregos vs. Iggy Pop: I wanna be your dog

Os Labregos vs. Iggy Pop: I wanna be your dog

Os Labregos do Tempo dos Spútniks poñen fin á súa marabillosa (e estraña) carreira musical. Hai dez anos nacía en Compostela un trío de fenómenos formado polo García (Deus ke te Crew), o Leo (i Arremecághona) e o Vero (Xenreira). Aínda que tal unión puidera parecer impensable, no escenario xuntaban a súa rabia, a súa forza e o seu compromiso para facer algo novo e mellor. Aos poucos, Vero deixou o grupo e foi Lydia (Bolboreta) a substituta na percusión. Co paso do tempo, a súa posta en escena foise afinando e pasou a ser máis unha “perfomance” que un concerto ao uso. A poesía, o discurso político, a recuperación de vellos temas galegos, a lembranza de personaxes esquecidos, a posta en escena con todo tipo de parafernalia fai que as súas actuacións sexan inesquecibles. E así me pasou a primeira vez que os vin. Quedei impactado, abraiado por eses tres salvaxinos que non deixan monicreque con cabeza, zoscando a todo dios, sen piedade. O meu primeiro concerto dos Labregos foi un dos mellores concertos que teño visto na miña vida, e iso que teño visto a moitos, moitos grupos enriba dun escenario.

Este sábado dez anos despois, os Labregos pechan un ciclo, na mítica sala Nasa (sempre será A Nasa) de Compostela, a cidade que os viu nacer, tamén será a testemuña do derradeiro concerto dun grupo de culto. De seguro que seguirá habendo labregos na nosa terra, pero xa non serán daqueles tempos dos spútniks na libertá do vento e dos camiños.

É ben sabido que Os Labregos adoitan facer un montón de versións galeguizadas de clásicos do punk-rock, pero a min a que máis me sigue poñendo a pel de pita é a versión que seguro que a propio Iggy Pop lle encantaría, o “I wanna be your dog“.

Todo empezou con The End

Todo empezou con The End

Hoxe hai 50 anos que se publicaba un dos mellores discos da Historia.
Quen puidera escoitar ese disco como se fose a primeira vez. Afortunados aqueles que aínda o poden facer.
Un dos mellores discos da miña historia. Un disco que abriu as (miñas) portas de par en par, que derrubou (os meus) prexuízos, que cambiou a (miña) visión da música.
Lembro perfectamente a primeira vez que escoitei a The Doors. Unha canción solta gravada nunha casete recompilatoria dos anos 60. Unha canción illada entre outras xoias, pero que tocou algo no fondo que ninguén tocara antes. “Five to one” era o título. Non son capaz de explicar a sensación. Esa sensación de atopar un tesouro. Nunca antes me pasara tal e nunca máis volveu pasar. Non con tanta forza. Ao día seguinte pedinlle ao rapaz que me gravara algo máis daquel grupo.
Canción tras canción, esa sensación de tesouro atopado. ¿Ou se cadra foi o tesouro o que me atopou a min?
Meses máis tarde partillei o tesouro cun amigo. Os dous sós na miña habitación. Martini branco. The Doors a todo volume (veciños, síntoo de verdade). E os dous vivimos unha experiencia case mística. E esas son cousas que quedan para sempre, imborrables, cadeas invisibles que nos xuntan e non permiten que nos separemos, polo menos non ata o fin.
Este o fin, precioso amigo, este o fin, meu único amigo…así comeza unha das cancións que compoñen o mellor disco da (miña) historia.

Bernardo Xosé vs Malvela: Peixinhos do mar

Bernardo Xosé vs Malvela: Peixinhos do mar

Composta por Lulu Santos e Nelson Motta, ten innumerables versións, unha das máis coñecidas a de Milton Nascimento. Mais nesta ocasión, a barallada musical é, entre a versión galepop de Bernardo Xosé, que acabaría formando parte de A Roda, e a versión das Malvela.

Ao continuar empregando o sitio, aceptas o uso de cookies. máis información

Os axustes de cookies para esta páxina están para "aceptar cookies" para darche a mellor experiencia posible ao navegar por este sitio. Se segues empregando esta páxina sen trocar os teus axustes de cookies ou premes en "Aceptar" estás a dar o teu consentimento a estes axustes.

Close