Navegación por
Mes: Xuño 2017

Vaidades

Vaidades

Sempre rematas queimado, na fogueira das vaidades.

Vaidades de Luar Na Bailada en 500px.com

Idealismo vs practicidade: Ricardo Sicre

Idealismo vs practicidade: Ricardo Sicre

A vida de Ricardo Sicre é autenticamente paradoxal, pero que vida non o é, se cadra é a propia vida un paradoxo en si mesma.
¿Pero de quen estamos a falar? Ricardo Sicre Cerdá (tamén coñecido como Richard Sickler) foi un home cunha vida extraordinaria. Naceu en Cataluña no 1919, fillo de médico, podía ter un brillante futuro, pero a chegada da Guerra Civil, truncou eses soños. No 37 foi alistado e mandado á fronte a combater aos golpistas, alí afíliase a Esquerra Republicana de Catalunya. A derrota dos republicanos obrígao a cruzar a fronteira e remata no campo de concentración en Argelès sur mer. Logra escapar ata Inglaterra e desde alí chega ata os EEUU. Aló intenta poñerse en contacto con grupos esquerdistas grazas á axuda do que sería un dos seus grandes amigos, o escritor Robert Graves. Sen embargo, é localizado pola policía que descobre o seu pasado de esquerdista republicano e vese obrigado entre volver a España e sufrir as represalias do réxime franquista ou formar parte dun equipo de contraespionaxe para traballar en España e Europa en contra do fascismo imperante no continente. Elixiu esa segunda opción, e Sicre converteuse, deste xeito, en espía. Participa en varias operacións secretas, pero o fracaso da Operación Banana e o fusilamento de varios membros da operación, provoca en Sicre un profundo malestar. Rematada a II Guerra Mundial, Sicre acada a cidadanía estadounidense e recibe a Estrela de Bronce, sen embargo, Sicre intenta vivir nos EEUU, pero os seus negocios non acaban de funcionar. Deste xeito recibe unha oferta para traballar en España na World Commerce Corporation, unha empresa tapadeira que agocha un niño de espías. Despois de ter garantida a seguridade de que no ía ser represaliado, Sicre volve a España. E neste momento aflora unha nova personalidade, grazas ao seu don de xentes, a súa presenza física e a súa capacidade de adaptación, Sicre convértese nun empresario de éxito e nun dos principais anfitrións de estranxeiros famosos que se achegaban ata España naqueles tempos. Dentro dos seus éxitos podemos dicir que foi o que trouxo a España as franquías de Gresite, o whisky JB ou a Pepsi-Cola; pola súa casa e o seu iate pasaron personalidades como Ava Gardner, Orson Welles, Ernest Hemingway, Rainiero de Mónaco e multitude de ministros, tecnócratas e directores xenerais do réxime. A súa vida á volta a España foi a dun auténtico vividor, millonario, organizador de festas da elite, moi afastada daquela vida inicial de loitador republicano e de esquerdas. Supoñemos que Sicre debería ter certos ideais ao defender á República e ser afiliado de ERC, pero na madurez faise millonario e traballa co réxime que combateu. Mais como di Miguel Salado, exguerrilleiro, cando lle preguntan sobre ese cambio tan radical, comenta: “¿Que se tiña ideais? Non…adáptanse ao que hai, pero cambio non hai ningún“.
Se cadra non hai perda de ideais, se cadra é que nunca os houbo.

Se che presta, podes ver o documental completo “Agente Sicre, el amigo americano” de Pablo Azorín, Marta Hierro, Alberto Jarabo (España, 2014).

"Agente Sicre, el amigo americano" from Quindrop on Vimeo.

Unha gaita escocesa no día D

Unha gaita escocesa no día D

Non se pode dubidar de que a gaita é o instrumento nacional en Escocia. Un dos elementos claves, entre outros, para a súa difusión foi a conexión entre a gaita escocesa, as bandas de gaitas e o exército Británico. A tradición xa vén de antigo. Durante o século XVIII, os xefes das Terras Altas (Highlands) adoitaban levar ao seu gaiteiro persoal cando comandaban os seus exércitos cara a unha batalla. Sen embargo ata o ano 1854 os gaiteiros non foron recoñecidos como tal pola Oficina de Guerra do Reino Unido.
A mediados do século XIX, as bandas de gaitas, formadas por gaitas e percusións, fóronse desenvolvendo para tocar nas longuísimas marchas a pé para manter un ritmo constante e a moral da tropa elevada. Dado que estas bandas eran cada vez máis populares, pasaron a formar do entretemento das tropas, non só nas marchas, se non tamén nos campamentos. Neses anos o Exército Británico expandiuse por todo o mundo e con el os batallóns escoceses e, por suposto, as bandas de gaitas, que chegaron así a tódolos continentes. De esta situación vén a inclusión da gaita como arma de guerra, xa que era moi importante á hora de manter a moral da tropa e como un medio para xerar certo pánico no inimigo, incluso en datas tan recentes como a I e a II Guerra Mundial.

O vídeo de hoxe fai referencia, precisamente, á II Guerra Mundial e, en concreto, á data decisiva do Desembarco de Normandía. O fragmento corresponde á película canadense Storming Juno (Tim Wolochatiuk, 2010), na que xusto antes do desembarco pódese ver a un gaiteiro interpretando unha desas pezas emotivas e morriñentas tan típicas do folclore escocés.

Ao continuar empregando o sitio, aceptas o uso de cookies. máis información

Os axustes de cookies para esta páxina están para "aceptar cookies" para darche a mellor experiencia posible ao navegar por este sitio. Se segues empregando esta páxina sen trocar os teus axustes de cookies ou premes en "Aceptar" estás a dar o teu consentimento a estes axustes.

Close