Navegación por
Categoría: Música Tradicional

Músicas tradicionais da Galicia e do mundo

The Trio Mandili

The Trio Mandili

O “Mandili” é unha especie de pano da cabeza que adoitan usar as mulleres xeorxianas, ademais ten un poder marabilloso e case máxico, pois cando unha muller tira ese pano ao chan, é quen de poñer paz nunha pelexa entre dous homes.

O trío Mandili está formado por Tatia Mgeladze, Shorena Tsiskarauli e Ani Chincharauli, tres rapazas de Xeorxia que fan música tradicional cantada, acompañadas unicamente por un instrumento tradicional de tres cordas chamado panduri e que se emprega principalmente para dar apoio rítmico ás voces. O que máis chama a atención do grupo son esas voces tan bonitas, tan ben harmonizadas, algo que non debería sorprender dada a grandísima sona das voces e coros en Xeorxia, xa que o Canto polifónico Xeorxiano está declarado como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade pola Unesco desde o ano 2008.
Saltaron á fama grazas a un vídeo colgado en youtube que de xeito moi rápido conseguiu miles de visitas. Formato que tamén é sinal de identidade do grupo, xa que os vídeos son autogravados cunha cámara, cantando mentres camiñan polo seu pobo. Na actualidade están gravando traballos e facendo xiras por Europa e son toda unha sensación.

Velaí vai o vídeo que as upou á fama: Erti Nakhvit, con máis de quince millóns de visitas entre facebook e youtube.

+info na súa páxina oficial The Trio Mandili

Adufe & Alguidar en Lugo

Adufe & Alguidar en Lugo

Xa falamos de Adufe & Alguidar cando se presentaron en Lugo, aquí deixo un vídeo daquel día.

Como a Tradescola cambiou a miña vida

Como a Tradescola cambiou a miña vida

Este verán desde a Tradescola, a escola de música tradicional que mantén a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, propuxéronme que escribira un texto pequeno contando a miña experiencia persoal como alumno para unha publirreportaxe especial no xornal Sermos.

Cousa complicada. Falar de algo que atinxe a un mesmo non pode ser máis subxectivo, cada quen fala da feira como lle vaia nela. Así que comecei tirando de lembranzas de aquel primeiro ano. Como saía suando daquelas primeiras clases de canto e pandeireta. Non polo esforzo, non, a cousa non era para tanto. Costas molladas de suores fríos polos nervios. A metade de curso tiña claro que aquela ía ser a primeira e derradeira experiencia. Non pagaba a pena pasalo tan mal. Pero as cousas da vida son así, case sen decatarme, pasou aquel primeiro ano, e un segundo. E chegou a percusión e logo o baile e seguiron pasando anos e anos. E aquí seguimos intentando cada día aprender un pouco pero, sobre todo, intentando gozar dun patrimonio tan precioso e dunha experiencia que acabou cambiando a miña vida. En serio.

Tirando daqueles recordos, xurdiu este pequeno texto aparecido no número 147 do Sermos.

sermos_afondo

Se tes interese, podes consultar a publirreportaxe completa na seguinte ligazón A fondo147.

 

Fuliada na vila. A Maturrangaina

Fuliada na vila. A Maturrangaina

A nosa música tradicional ten unha riqueza tal que é quen de mesturarse con calquera outra e o resultado sempre é grandioso. Nos últimos anos xa temos visto combinacións que hai tempo serían impensables, proxectos que intentan darlle unha volta máis á riqueza no noso folclore, combinando gaita e piano, incorporar unha orquestra de cámara ou mesmamente unha orquestra de jazz, cun repertorio moi baseado na tradición.

Fuliada na vila é un proxecto que mestura a música jazz e a música tradicional galega. Partindo da tradición oral de dúas informantes como Rosa e Adolfina Casás, da Vila da Eirexa en Cerceda, familiares directas do director de escena, Richi Casás. Esa tradición queda vestida cunha roupaxe sonora, moi preta ao jazz o que lle da unha sonoridade moi especial.
As voces veñen do tradicional é son Branca ViÌlares, Carolina Vázquez e Pepa Yánez. A parte musical corre a cargo de Richi Casás (saxo soprano e percusión) José Ares (batería), Carlos Santos (baixo), Fran G.Galán (guitarra), Frank Barcia (acordeón), Xan Xove (gaita) e Pablo Pinto (zanfona e gaita).

A actuación corresponde ao concerto que deron no programa de Cultura Aberta 2016 da Deputación de Lugo.

Adufe & Alguidar

Adufe & Alguidar

Sete preciosas voces lisboetas chegan cos seus sete adufes e os seus alguidares. Vasillas de barro cargadas de sons, de toques e cantos tradicionais; adufes cheos de forzas telúricas e enerxía vital.

Adufe & Alguidar é un proxecto de canto e percusión, afincado en Lisboa. Agora que tan de moda se están a poñer esas cousas na nosa terra, temos os de Lugo e Ferrol unha ocasión única para comprobar o estado no que se atopa a percusión portuguesa, con este grupo que xunta e mistura a tradición e a modernidade.

As adufeiras son: Ana Taipas, Diana Henriques, Joana Gui, Margarida Agostinho, Raquel Esteves, Rita Santos e Silvana Dias.

Un exemplo do que poderemos escoitar en Lugo, Canção de vendimia e Linho mourisco

Ao continuar empregando o sitio, aceptas o uso de cookies. máis información

Os axustes de cookies para esta páxina están para "aceptar cookies" para darche a mellor experiencia posible ao navegar por este sitio. Se segues empregando esta páxina sen trocar os teus axustes de cookies ou premes en "Aceptar" estás a dar o teu consentimento a estes axustes.

Close