Navegación por
Autor: Luarnabailada

Fuxan os Ventos vs. Brigan: A saia da Carolina

Fuxan os Ventos vs. Brigan: A saia da Carolina

Se hai unha cantiga popular dentro do extenso repertorio galego, ben podería ser “A Saia da Carolina”, ou tamén coñecida simplemente pola “Carolina”. A orixe da cantiga é popular e diferentes versións aparecen tamén en Asturias, León ou no norte de Portugal. Como tantas cantigas populares, a letra ten un dobre sentido pícaro e fala dunha moza que ten tolos a moitas das forzas vivas masculinas da vila.

Hai moitos grupos que fixeron versións desta canción, pero a máis recoñecida é a que a popularizou de xeito definitivo o grupo lugués, Fuxan os Ventos, que a publicou naquel mítico álbum de 1978 chamado Sementeira.

Recentemente o grupo italiano Brigan ven de facer unha versión moi interesante. Este grupo do sur de Italia comezou a súa andaina facendo música irlandesa, pero nunha viaxe descubriron que a súa propia música popular tiña máis semellanzas coas músicas do noroeste ibérico que coas irlandesas. Produto desta e doutras viaxes por Galicia, fixeron un traballo que mestura as músicas galegas e italianas dun xeito bastante interesante. Unha proba desta mestizaxe é a versión feita deste clásico galego, ao que, cousa realmente sorprendente, lle dan unha volta ao mezclar A Carolina cunha melodía e ritmo típico do sur de Italia.

Velaí van as dúas versións para que poidas comparar.

Fuxan os Ventos no Auditorio de Galicia no espectáculo “Terra de Soños” no ano 2008.

Brigan no Galileo Galilei durante a súa recente xira española.

Cervexa Indio en “La Tierra Aún Se Mueve”

Cervexa Indio en “La Tierra Aún Se Mueve”

La Tierra aún se mueve” do mexicano Pablo Chavarría Gutiérrez é cine experimental do duro, con escenas interminables e sen sentido, dese cine que ou entras ou saes espavorecido. Eu fun destes. Custoume acabala, pero polo menos deume para atopar unha nova cervexa que engadir a esta sección que xunta cervexa e cinema.

Nesta ocasión volvemos a atopar outra marca da cervexaría do grupo Cuauhtémoc Moctezuma, da que xa falamos cando xuntamos a Tecate Light e Hell Boy 2.
A cervexa Indio é unha rubia lager tipo Viena, con 4,1º que, como a maioría das cervexas comerciais non é ningunha marabilla.

Aquí queda o vídeo coa típica escena nun billar, tapete verde e unha cervexa.

A peli da semana: Libertad de impresión

A peli da semana: Libertad de impresión

Nestes últimos tempos estamos a retroceder de xeito imparable en dereitos que pensabamos inamovibles e firmemente asentados. Un dos que máis está sendo atacado é a liberdade expresión, condenas a tuiteiros, a rapeiros, a revistas.

O filme documental, Libertad de impresión fala desta perda, dos límites do humor e da loita diaria para que a auto censura non gañe terreo de mais.
Dirixido por Fernando Muñoz e Fede Carrillo convida a un bo número de xornalistas, humoristas e xente implicada no mundo da cultura para falar desta situación.

Se vende (Véndese)

Se vende (Véndese)

SE VENDE

O cartaz diante da cancela da finca non deixaba lugar a dúbidas.

De todos os xeitos, volvín mirar.

Se vende. En letras grosas e negras sobre un fondo alaranxado.

Inconfundible.

Quedei un pouco sorprendido.

Ese é un dos camiños polos que acostumo deambular nos meus paseos en bicicleta. Por alí pasei a semana anterior.

Como todas as veces que o facía, o canciño amarrado a unha curta cadea perpetua non revisable, ladrábame coma un tolo, defendendo, a fuciño engurrado, a integridade do seu reducido mundo. Eses ladros provocaban que a vella habitante da casa, que sempre estaba fóra argallando nalgo, xirase a cabeza para buscar quen rompía a súa calma e a súa rutina e alporizaba dese xeito ao seu canciño pequeno.

Virábase paseniño e miraba.

Miraba como só as vellas da aldea saben mirar.

Fitaba como se puidese albiscar as túas intencións. Ao ver a un ciclista, rechamangueiro, bafexando pola aquela costa, baixaba a mirada co desprezo propio de alguén que se ve interrompido nunha grande labor por unha insignificancia.

E mentres, eu seguía bafexando e mirando para o can que seguía ladrando, para a vella que volvía á súa angueira, para a casa, levantada hai decenios.

Así foi durante moitos meses.

Bafexar, ladrar, fitar, bafexar e seguir.

Ata o outro día.

O cartel de SE VENDE, mudouno todo.

O can. O canciño, liberado da súa cadea. Liberado, probablemente, de xeito miserento e covarde da dura e ingrata vida que lle tocou vivir.

A casa, fechada. Sen vida saíndo pola fumeira a pesares da friaxe e humidade do día.

A vella. Hai dous días, as campás anunciaron a súa ausencia.

Véndese? Non.

SE VENDE.

Esvaecendo o país e o rural cun simple cartaz laranxa con letras negras e grosas.

Ferruxe de lume

Ferruxe de lume

Na terra na que todo arde

                                                ou todo se queima

Ferruxe de lume de Luar Na Bailada en 500px.com

 

Ao continuar empregando o sitio, aceptas o uso de cookies. máis información

Os axustes de cookies para esta páxina están para "aceptar cookies" para darche a mellor experiencia posible ao navegar por este sitio. Se segues empregando esta páxina sen trocar os teus axustes de cookies ou premes en "Aceptar" estás a dar o teu consentimento a estes axustes.

Close