Navegación por
Mes: Xaneiro 2017

Bebe e ducha #showerbeer

Bebe e ducha #showerbeer

Seica hai unha lexión de xente que lle presta beber unha cervexa mentres está na ducha. Co cancelo #showerbeer quérese reivindicar o pracer dunha ducha quente e unha cervexa xeada e polo visto é unha tendencia por eses mundo de aí fóra.
Así que alguén moi listo ideou unha cervexa para tomar na ducha, unha cervexa con toques cítricos e herbais que lembran ao sabor do ¡¡xabrón??, nun formato pequeno para apurar en tres grolos e que serve tamén como acondicionador para o pelo.
A verdade que a idea non me parece demasiado atraínte. Meterse na bañeira a beber cervexas de 10º, nun envase de cristal e por riba estragala para acondicionar o pelo, semella un pecado capital de imposible absolución.
A idea conceptual foi da cervexería sueca Pang Pang (cunha das peores páxinas que teño visto) e a axencia de publicidade Snask mais, dado o éxito inicial da idea, parece que van seguir a producir máis desta cervexa. Os tempos mudan e o “Bebe y Lucha” do PGB vai trocar en “Bebe e ducha”.

+info no artigo de Munchies: “There’s Finally a Beer Made Specifically for Drinking in the Shower“.

Unha fenda na Chaira

Unha fenda na Chaira

Era algo sabido pola veciñanza da Chaira.
Ninguén o dicía en voz alta e ninguén admitiría ter falado dese tema en público. Pero, falar, falábase.
Nesas conversas ao fondo do bar, a altas horas da madrugada, cun cantos viños de máis. Neses intres nos que a lingua desátase e conta o que non contaría de día. Entre confidencias de mulleres amadas ou pelexas nunca botadas. Neses momentos de intimidade, entre a escuridade das luces medio acesas e a bruma alcólica, falar, falábase.
Os primeiros indicios son imprecisos. Cóntase que 1923, Eusebio da Madroa case mata ao seu veciño, por un marco movido. Un clásico, xa sabedes. Pero daquela, o seu veciño xurou durante anos que non fixera tal, mais Eusebio foi quen de ver como o marco estaba desprazado uns centímetros da referencia que el tiña tomada.
Nos anos sesenta, as conversas detrás das cociñas de leña e despois de que as mulleres xa se retiraran ao cuarto a durmir, remataban moitas veces falando de como aquela árbore semellaba que se movera, ou como aquelas pedras parecían desprazadas.
Pois ben, todos aqueles rumores e murmurios, ao fin teñen unha explicación.
O equipo do laboratorio de Xeofísica e Física Xeolóxica da Universidade de Vigo vén de publicar un dos achados máis importantes no campo da xeoloxía galega dos últimos anos. Grazas ao emprego de imaxes históricas dos satélites e das máis modernas técnicas de xeorradar multisónico, chegaron a desacougante conclusión de que A chaira estase a crebar. As causas aínda non están claras, pero o feito é innegable e as probas irrefutables. Como curiosidade atoparon o punto exacto no que a fenda subterránea chega ata a superficie na estrada que vai desde Pacios ao Pedroso.

Unha fenda na Chaira de Luar Na Bailada en 500px.com

Aparvando

Aparvando

¿Quen mira a quen?
¿Quen vive de quen?
¿Quen precisa de quen?

Aparvando de Luar Na Bailada en 500px.com

Rondalla Sta. Eulalia de Mos vs AC/DC

Rondalla Sta. Eulalia de Mos vs AC/DC

Pero que carallo é isto…
Pois a incrible versión que fai a Rondalla de Santa Eulalia de Mos de todo un himno xeracional como é o Thunderstruck dos lendarios AC/DC.

Cervexa Jever en Panke

Cervexa Jever en Panke

En 1848 Diedrich König funda a cervexaría Friesisches Brauhaus zu Jever na cidade de Jever (Baixa Saxonia, Alemaña). A cervexa que fabricaba chamábase Jever e nos seus inicios tivo que soportar unha competencia brutal pois na zona había máis de vinte cervexarías. En 1867 morre o fundador e o fillo véndea a Theodor Fetköter que intenta converter unha empresa familiar nunha gran cervexaría grazas ao emprego de anuncios e botellas especiais. As dúas guerras mundiais supuxeron momentos duros para a fábrica. Na primeira, o fillo de Fetköter, responsable da cervexaría naqueles momentos, foi enviado ao fronte onde morreu. Na segunda, a dificultade para atopar combustible fixo que a cervexa so se puidera mercar ás portas da fábrica, pois non había posibilidade de distribuíla. Co paso dos anos a cervexaría vai sendo mercada por industrias máis potentes e hoxe en día pertence a Oetker Group.

A cervexa máis coñecida é a Jever Pilsener, unha cervexa tipo Pilsen, de 4,9% (ABV) e 33 IBU, cunha nota de 3,05/5 en Ratebeer e de 3,19/5 en Untappd.

Imaxe de Ratebeer

 

Imaxe de Untappd

Panke é un medio-metraxe do arxentino Alejo Franzetti (Arxentina, 2016) na que conta a historia de Amadou, un emigrante de Burkina Faso, que agora vive en Marsella. Amadou ten que viaxar ata Berlín para facer os trámites para repatriar o corpo do seu irmán Issaka, ao seu país de orixe. Unha historia sobre a emigración, a morte, a familia, contada dun xeito especial e arriscado.

Nun fotograma da película podemos ver a Amadou na casa do seu irmán falecido, sentíndose como un estraño e atopa na terraza unha curiosa construción de botellas de cervexa Jever.

Ao continuar empregando o sitio, aceptas o uso de cookies. máis información

Os axustes de cookies para esta páxina están para "aceptar cookies" para darche a mellor experiencia posible ao navegar por este sitio. Se segues empregando esta páxina sen trocar os teus axustes de cookies ou premes en "Aceptar" estás a dar o teu consentimento a estes axustes.

Close