Navegación por
Categoría: A peli da semana

Películas que se poden ver de xeito gratuíto e legal na rede. Ben porque teñen licencias creative commons ou por que están subidas polos directores, distribuidoras, etc.

A peli da semana: Libertad de impresión

A peli da semana: Libertad de impresión

Nestes últimos tempos estamos a retroceder de xeito imparable en dereitos que pensabamos inamovibles e firmemente asentados. Un dos que máis está sendo atacado é a liberdade expresión, condenas a tuiteiros, a rapeiros, a revistas.

O filme documental, Libertad de impresión fala desta perda, dos límites do humor e da loita diaria para que a auto censura non gañe terreo de mais.
Dirixido por Fernando Muñoz e Fede Carrillo convida a un bo número de xornalistas, humoristas e xente implicada no mundo da cultura para falar desta situación.

Las Cloacas de Interior

Las Cloacas de Interior

Hai corenta anos un documental así podería poñer en risco a un Goberno, ou polo menos, poñer en risco a carreira política de varios ministros, directores xerais, subdirectores, etc, etc. Hoxe en día, un documental así, case non se pode ver en ningunha televisión, excepto as autonómicas TV3 e ETB que, evidentemente, non o fan por razóns de interese xeral, se non por interese partidista e a privada GOL TV, que pouca relación pode ter coa política. Vivimos nunha censura que, posiblemente, hai corenta anos non existía ou polo menos era máis discreta e intelixente.
Las Cloacas de Interior” fai un repaso rápido (demasiado rápido) da época na que vivimos, na que un Goberno emprega a súas influencias en beneficio propio e sen rubor. Dá igual o que pase, temos a uns cantos millóns de votantes inamovibles que pase o que pase, xamais van cambiar a súa postura (non ideolóxica), se non de voto. O documental é unha avalancha de datos (demasiados datos) que ás veces provoca no espectador a sensación de desconcerto e de verse superado por tanta información, pero eu vexo que é esencial para intentar entender esta época que nos toca vivir, de corrupción, abuso de poder, inmobilismo cidadán e demais trabas para unha democracia (mellor?)

Velaí vai o documental, “Las Cloacas de Interior“, Jaume Roures, España, 2017.

Idealismo vs practicidade: Ricardo Sicre

Idealismo vs practicidade: Ricardo Sicre

A vida de Ricardo Sicre é autenticamente paradoxal, pero que vida non o é, se cadra é a propia vida un paradoxo en si mesma.
¿Pero de quen estamos a falar? Ricardo Sicre Cerdá (tamén coñecido como Richard Sickler) foi un home cunha vida extraordinaria. Naceu en Cataluña no 1919, fillo de médico, podía ter un brillante futuro, pero a chegada da Guerra Civil, truncou eses soños. No 37 foi alistado e mandado á fronte a combater aos golpistas, alí afíliase a Esquerra Republicana de Catalunya. A derrota dos republicanos obrígao a cruzar a fronteira e remata no campo de concentración en Argelès sur mer. Logra escapar ata Inglaterra e desde alí chega ata os EEUU. Aló intenta poñerse en contacto con grupos esquerdistas grazas á axuda do que sería un dos seus grandes amigos, o escritor Robert Graves. Sen embargo, é localizado pola policía que descobre o seu pasado de esquerdista republicano e vese obrigado entre volver a España e sufrir as represalias do réxime franquista ou formar parte dun equipo de contraespionaxe para traballar en España e Europa en contra do fascismo imperante no continente. Elixiu esa segunda opción, e Sicre converteuse, deste xeito, en espía. Participa en varias operacións secretas, pero o fracaso da Operación Banana e o fusilamento de varios membros da operación, provoca en Sicre un profundo malestar. Rematada a II Guerra Mundial, Sicre acada a cidadanía estadounidense e recibe a Estrela de Bronce, sen embargo, Sicre intenta vivir nos EEUU, pero os seus negocios non acaban de funcionar. Deste xeito recibe unha oferta para traballar en España na World Commerce Corporation, unha empresa tapadeira que agocha un niño de espías. Despois de ter garantida a seguridade de que no ía ser represaliado, Sicre volve a España. E neste momento aflora unha nova personalidade, grazas ao seu don de xentes, a súa presenza física e a súa capacidade de adaptación, Sicre convértese nun empresario de éxito e nun dos principais anfitrións de estranxeiros famosos que se achegaban ata España naqueles tempos. Dentro dos seus éxitos podemos dicir que foi o que trouxo a España as franquías de Gresite, o whisky JB ou a Pepsi-Cola; pola súa casa e o seu iate pasaron personalidades como Ava Gardner, Orson Welles, Ernest Hemingway, Rainiero de Mónaco e multitude de ministros, tecnócratas e directores xenerais do réxime. A súa vida á volta a España foi a dun auténtico vividor, millonario, organizador de festas da elite, moi afastada daquela vida inicial de loitador republicano e de esquerdas. Supoñemos que Sicre debería ter certos ideais ao defender á República e ser afiliado de ERC, pero na madurez faise millonario e traballa co réxime que combateu. Mais como di Miguel Salado, exguerrilleiro, cando lle preguntan sobre ese cambio tan radical, comenta: “¿Que se tiña ideais? Non…adáptanse ao que hai, pero cambio non hai ningún“.
Se cadra non hai perda de ideais, se cadra é que nunca os houbo.

Se che presta, podes ver o documental completo “Agente Sicre, el amigo americano” de Pablo Azorín, Marta Hierro, Alberto Jarabo (España, 2014).

"Agente Sicre, el amigo americano" from Quindrop on Vimeo.

Trotsky e México, dúas revolucións

Trotsky e México, dúas revolucións

León Trotsky foi un dos persoeiros máis carismáticos e influíntes da primeira metade do século pasado e unha figura clave, tanto na Revolución Rusa como no desenrolo ideolóxico do comunismo en Europa. Falar de Trostky e preguntar que tería sido da URSS e do comunismo é todo un. Imaxinar como sería unha URSS sen Stalin no poder é unha cuestión sen resposta, pero seguramente o mundo sería ben distinto a como o coñecemos hoxe en día. Ou se cadra non. Vai ti saber.

A cuestión é que Stalin, de orixe humilde, sen moito carisma e intelectualmente limitado, sempre tivo envexa dun Trostky cunha presenza magnética e unha formación académica exquisita. En canto Lenin morreu, Stalin fixo o que puido por afastar a Trotsky do poder, eliminalo da historia da revolución e intentar eliminalo fisicamente.
Trostky caeu en desgraza do réxime comunista e vagou polo mundo, buscando un asilo político que lle foi denegado en todos os países ata que chegou ao México revolucionario de Lázaro Cárdenas. Despois de varios intentos fallidos, Stalin conseguía o seu obxectivo, Trotsky morría a golpe de piolet a mans do comunista español, Ramón Mercader.

O seguinte filme fala desa parte da Historia que puido cambiar o mundo tal e como o coñecemos.
Trostky e México, dúas revolucións do século XX do mexicano Adolfo García Videla.

Trotsky y México, Dos Revoluciones del Siglo XX from Adolfo García-Videla on Vimeo.

Mercando a revolución

Mercando a revolución

Case sen querer, a democracia foi declarada morta.
Primeiro foi anoada de pés e mans, coa aparición da falsa clase media, que esquece de onde vén e soña a onde vai, sen decatarse que non se move do sitio.
Logo foi torturada, apancada, malferida, criando falsos medos para estarmos quietiños. Homes do saco vestidos de rusos, terroristas, árabes ou inmigrantes. Aterradas, as xentes, inmóbiles, quedan no sitio.
Morta.
Resucitada cada catro anos (ou meses, no mellor/peor dos casos). Sae á rúa como esas figuras de madeira, chea de trillas, de homes e mulleres mortos hai tempo, que ninguén lembra quen foron nin que fixeron para ter esa honra de ser paseados por devotos fieis de memoria feble.
Morta de novo.

Un dos actos cotiás máis revolucionario e paradoxal é mercar. Mercar con conciencia, con sentido, e sobre todo, non mercar explotación laboral, explotación infantil, escravitude, recursos espoliados, miseria.
Imposible facelo en cada e en toda situación. Paso a paso, pouco a pouco.

Desta volta a película gratuíta da semana é a produción de National Geographic dirixida por Fisher Stevens e que emprega a Leonardo DiCaprio como fío condutor, titulada como “Before the flood en FA” (Antes da marea ou Antes do asolagamento). Cousas que xa están pasando e que, de non tomar medidas, farán un mundo cada vez máis pobre, inxusto e inviable.

Actualización 09/11/2016
Semella que National Geographic retirou a película da súa canle. Así que enlazo a unha ligazón alternativa.

Ao continuar empregando o sitio, aceptas o uso de cookies. máis información

Os axustes de cookies para esta páxina están para "aceptar cookies" para darche a mellor experiencia posible ao navegar por este sitio. Se segues empregando esta páxina sen trocar os teus axustes de cookies ou premes en "Aceptar" estás a dar o teu consentimento a estes axustes.

Close