Navegación por
Categoría: Baralladas musicais

Enfrontamentos musicais. Loita de versións.

Fuxan os Ventos vs. Brigan: A saia da Carolina

Fuxan os Ventos vs. Brigan: A saia da Carolina

Se hai unha cantiga popular dentro do extenso repertorio galego, ben podería ser “A Saia da Carolina”, ou tamén coñecida simplemente pola “Carolina”. A orixe da cantiga é popular e diferentes versións aparecen tamén en Asturias, León ou no norte de Portugal. Como tantas cantigas populares, a letra ten un dobre sentido pícaro e fala dunha moza que ten tolos a moitas das forzas vivas masculinas da vila.

Hai moitos grupos que fixeron versións desta canción, pero a máis recoñecida é a que a popularizou de xeito definitivo o grupo lugués, Fuxan os Ventos, que a publicou naquel mítico álbum de 1978 chamado Sementeira.

Recentemente o grupo italiano Brigan ven de facer unha versión moi interesante. Este grupo do sur de Italia comezou a súa andaina facendo música irlandesa, pero nunha viaxe descubriron que a súa propia música popular tiña máis semellanzas coas músicas do noroeste ibérico que coas irlandesas. Produto desta e doutras viaxes por Galicia, fixeron un traballo que mestura as músicas galegas e italianas dun xeito bastante interesante. Unha proba desta mestizaxe é a versión feita deste clásico galego, ao que, cousa realmente sorprendente, lle dan unha volta ao mezclar A Carolina cunha melodía e ritmo típico do sur de Italia.

Velaí van as dúas versións para que poidas comparar.

Fuxan os Ventos no Auditorio de Galicia no espectáculo “Terra de Soños” no ano 2008.

Brigan no Galileo Galilei durante a súa recente xira española.

Os Labregos vs. Iggy Pop: I wanna be your dog

Os Labregos vs. Iggy Pop: I wanna be your dog

Os Labregos do Tempo dos Spútniks poñen fin á súa marabillosa (e estraña) carreira musical. Hai dez anos nacía en Compostela un trío de fenómenos formado polo García (Deus ke te Crew), o Leo (i Arremecághona) e o Vero (Xenreira). Aínda que tal unión puidera parecer impensable, no escenario xuntaban a súa rabia, a súa forza e o seu compromiso para facer algo novo e mellor. Aos poucos, Vero deixou o grupo e foi Lydia (Bolboreta) a substituta na percusión. Co paso do tempo, a súa posta en escena foise afinando e pasou a ser máis unha “perfomance” que un concerto ao uso. A poesía, o discurso político, a recuperación de vellos temas galegos, a lembranza de personaxes esquecidos, a posta en escena con todo tipo de parafernalia fai que as súas actuacións sexan inesquecibles. E así me pasou a primeira vez que os vin. Quedei impactado, abraiado por eses tres salvaxinos que non deixan monicreque con cabeza, zoscando a todo dios, sen piedade. O meu primeiro concerto dos Labregos foi un dos mellores concertos que teño visto na miña vida, e iso que teño visto a moitos, moitos grupos enriba dun escenario.

Este sábado dez anos despois, os Labregos pechan un ciclo, na mítica sala Nasa (sempre será A Nasa) de Compostela, a cidade que os viu nacer, tamén será a testemuña do derradeiro concerto dun grupo de culto. De seguro que seguirá habendo labregos na nosa terra, pero xa non serán daqueles tempos dos spútniks na libertá do vento e dos camiños.

É ben sabido que Os Labregos adoitan facer un montón de versións galeguizadas de clásicos do punk-rock, pero a min a que máis me sigue poñendo a pel de pita é a versión que seguro que a propio Iggy Pop lle encantaría, o “I wanna be your dog“.

Rondalla Sta. Eulalia de Mos vs AC/DC

Rondalla Sta. Eulalia de Mos vs AC/DC

Pero que carallo é isto…
Pois a incrible versión que fai a Rondalla de Santa Eulalia de Mos de todo un himno xeracional como é o Thunderstruck dos lendarios AC/DC.

Ialma vs The Bangles: Walk like an Egyptian

Ialma vs The Bangles: Walk like an Egyptian

Ialma é un grupo formado en Bruxelas, pero con fondas raigames galegas, grazas ás catro pandereteiras que o forman. Acaban de publicar o seu quinto traballo titulado “Camiño de Bruxelas a Santiago” e The Bangles é un grupo estadounidense, do ano 81, formado só por mulleres e que chegou a ter algún éxito moi coñecido naqueles anos.

Un destes éxitos foi o tema “Walk like an Egyptian“, que seguro que moitos lembrades. Así que desta volta van as pandereteiras de Ialma contra as guitarras e ¡pandeireta” das Bangles.

Bernardo Xosé vs Malvela: Peixinhos do mar

Bernardo Xosé vs Malvela: Peixinhos do mar

Composta por Lulu Santos e Nelson Motta, ten innumerables versións, unha das máis coñecidas a de Milton Nascimento. Mais nesta ocasión, a barallada musical é, entre a versión galepop de Bernardo Xosé, que acabaría formando parte de A Roda, e a versión das Malvela.

Ao continuar empregando o sitio, aceptas o uso de cookies. máis información

Os axustes de cookies para esta páxina están para "aceptar cookies" para darche a mellor experiencia posible ao navegar por este sitio. Se segues empregando esta páxina sen trocar os teus axustes de cookies ou premes en "Aceptar" estás a dar o teu consentimento a estes axustes.

Close