Os Labregos vs. Iggy Pop: I wanna be your dog

Os Labregos vs. Iggy Pop: I wanna be your dog

Os Labregos do Tempo dos Spútniks poñen fin á súa marabillosa (e estraña) carreira musical. Hai dez anos nacía en Compostela un trío de fenómenos formado polo García (Deus ke te Crew), o Leo (i Arremecághona) e o Vero (Xenreira). Aínda que tal unión puidera parecer impensable, no escenario xuntaban a súa rabia, a súa forza e o seu compromiso para facer algo novo e mellor. Aos poucos, Vero deixou o grupo e foi Lydia (Bolboreta) a substituta na percusión. Co paso do tempo, a súa posta en escena foise afinando e pasou a ser máis unha “perfomance” que un concerto ao uso. A poesía, o discurso político, a recuperación de vellos temas galegos, a lembranza de personaxes esquecidos, a posta en escena con todo tipo de parafernalia fai que as súas actuacións sexan inesquecibles. E así me pasou a primeira vez que os vin. Quedei impactado, abraiado por eses tres salvaxinos que non deixan monicreque con cabeza, zoscando a todo dios, sen piedade. O meu primeiro concerto dos Labregos foi un dos mellores concertos que teño visto na miña vida, e iso que teño visto a moitos, moitos grupos enriba dun escenario.

Este sábado dez anos despois, os Labregos pechan un ciclo, na mítica sala Nasa (sempre será A Nasa) de Compostela, a cidade que os viu nacer, tamén será a testemuña do derradeiro concerto dun grupo de culto. De seguro que seguirá habendo labregos na nosa terra, pero xa non serán daqueles tempos dos spútniks na libertá do vento e dos camiños.

É ben sabido que Os Labregos adoitan facer un montón de versións galeguizadas de clásicos do punk-rock, pero a min a que máis me sigue poñendo a pel de pita é a versión que seguro que a propio Iggy Pop lle encantaría, o “I wanna be your dog“.

2 pensamentos sobre “Os Labregos vs. Iggy Pop: I wanna be your dog

  1. Moi boa a versión.
    Por certo, volve a haber concertos na Nasa?
    Alí temos visto algún ben interesante…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ao continuar empregando o sitio, aceptas o uso de cookies. máis información

Os axustes de cookies para esta páxina están para "aceptar cookies" para darche a mellor experiencia posible ao navegar por este sitio. Se segues empregando esta páxina sen trocar os teus axustes de cookies ou premes en "Aceptar" estás a dar o teu consentimento a estes axustes.

Close