Navegación por
Autor: Luarnabailada

Bombas de birra na II Guerra Mundial

Bombas de birra na II Guerra Mundial

O chamado Día D foi un dos eventos chave na ofensiva aliada para reconquistar Europa das mans dos nazis. Unha vez superada a proba inicial de tomar as praias francesas, o exército aliado comezou a avanzar cara o interior. A pesar de todas as penalidades, dúas semanas despois do comezo da operación Overlord, un reporteiro na zona escribe que, as tropas inglesas non poden beber máis que unha sidra augada, nada de cervexa por aquelas terras francesas.

Os primeiros intentos de levar cervexa terra a dentro dan os seus froitos. Un spitfire IX do Escuadrón noruegués 332 sobrevoa a Canle da Mancha cun tanque de combustible reconvertido, cargado con cervexa inglesa: unha PA Ale, agasallo da cervexaría Henty & Constable de Chichester, que pecharía so dez anos despois en 1954.

Tangmere, Sussex, xullo de 1944. Tanque de combustible dun Typhoon/Hurricane reconvertido para ser empregado nun Spitfire e levar cervexa inglesa á fronte francesa. Decatarse da mensaxe escrita, “zume de ledicia”

Probablemente, o primeiro envío de cervexa desde o aeroporto de Tangmere en Inglaterra, ata Bény-Sur-Mere en Francia, chegou sobre o trece de xuño de 1944, apenas unha semana despois do desembarco e, a pesar do “regusto” a carburante, foi todo un éxito entre as tropas alí situadas.
Mais, este non foi o único método para lograr levar a ansiada cervexa desde Inglaterra ata as terras francesas. Debido a algúns problemas cos avións Typhoon, a algúns membros polacos da RAF ocorréuselles a marabillosa idea de colocar no lugar das bombas, unhas pipas cheíñas de cervexa; as auténticas “bombas de cervexa” empezaron a chegar ata a zona de Caen a principios de agosto de 1944, e de novo semella que a cervexaría Henty & Constable era a encargada de encher as pipas.

Un Spitfire IX cunha pipa de cervexa no lugar das bombas.

Parafraseando aquela famosa frase antibelicista dos oitenta, “bombas si, pero de cervexa”.

A maior parte da información está sacada do excelente blog Zytophile, en concreto, desta entrada You won’t believe this one weird trick they used to fly beer to the D-Day troops in Normandy e do interesantísimo libro Strange Tales of Ale, ámbolos dous de Martyn Cornell.

Danza de cintas en The Wicker man

Danza de cintas en The Wicker man

“O home de vimbio” (The Wicker man, Robin Hardy, 1972, Reino Unido) é unha película británica de culto que nos seus tempos pasou bastante desapercibida pois intentaba ser un filme de terror, máis unha especie de musical, cun final anti-comercial total, cunha estética ben estraña…en fin, que tiña todas as papeletas para ser esquecida, pero como ocurre tantas veces, pasan os anos e a xente revisa a película e empeza a atopar xoias, como a banda sonora, esa loita entre o pagán e a relixión oficial, un final apoteósico e, xa temos os compoñentes necesarios para converterse nun ídolo de culto. Despois viñeron festivais como o Burning man en Nevada, o Wicker Man Festival nas Highlands escocesas, ou a canción Burn the witch de Radiohead.
Poder ver un par de comentario ben extensos en The wicker man: cuarenta años de culto en ConceptoRadio ou El hombre de mimbre en CineDivergente.

Máis nesta ocasión, falamos desta película porque nela aparece como celebración festiva e pagá unha versión das coñecidas danzas de cintas, tan populares en Europa e, por suposto, presentes tamén en Galicia.

Aquí queda o vídeo onde rapaces e rapazas bailan en torno a un pau ou mastro, acompañados por unha pequena banda de música tradicional.

Las Cloacas de Interior

Las Cloacas de Interior

Hai corenta anos un documental así podería poñer en risco a un Goberno, ou polo menos, poñer en risco a carreira política de varios ministros, directores xerais, subdirectores, etc, etc. Hoxe en día, un documental así, case non se pode ver en ningunha televisión, excepto as autonómicas TV3 e ETB que, evidentemente, non o fan por razóns de interese xeral, se non por interese partidista e a privada GOL TV, que pouca relación pode ter coa política. Vivimos nunha censura que, posiblemente, hai corenta anos non existía ou polo menos era máis discreta e intelixente.
Las Cloacas de Interior” fai un repaso rápido (demasiado rápido) da época na que vivimos, na que un Goberno emprega a súas influencias en beneficio propio e sen rubor. Dá igual o que pase, temos a uns cantos millóns de votantes inamovibles que pase o que pase, xamais van cambiar a súa postura (non ideolóxica), se non de voto. O documental é unha avalancha de datos (demasiados datos) que ás veces provoca no espectador a sensación de desconcerto e de verse superado por tanta información, pero eu vexo que é esencial para intentar entender esta época que nos toca vivir, de corrupción, abuso de poder, inmobilismo cidadán e demais trabas para unha democracia (mellor?)

Velaí vai o documental, “Las Cloacas de Interior“, Jaume Roures, España, 2017.

Crítica á Torre Escura en clave bibliográfica

Crítica á Torre Escura en clave bibliográfica

Non tiña ningunha esperanza posta nesta adaptación cinematógrafica dunha das sagas que máis me teñen gustado. Imposible adpatar en hora e media, oito libros e miles de páximas, pero ben se podía ter feito doutro xeito. En canto saín do cine empecei a maquinar esta crítica á Torre Escura a través de referencias bibiográficas do propio autor Stepken King, unha viaxe crítica a través dos seus libros, empregados co seu título en castelán.

Dicir que son fan absoluto da saga da Torre Escura, é dicir pouco. Unha saga que me atrapou desde que lin o primeiro libro, alá polos oitenta, ata o derradeiro, publicado 30 anos despois. Unha espera longa e coa incerteza de saber se algún día remataría.
A verdade é que xa o temía. Tiña a case completa seguridade de que a película ía defraudar, pero a miña “Mitad Oscura“, esa que é quen do mellor e do peor, tomou a decisión.
Saín da casa, collín o meu “Buick 8” do garaxe e saín ao encontro desa cita tan agardada. É media tarde, entro no centro comercial, “La Cúpula” de cristal ilumínao todo, pero para min é como entrar nunha “Casa Negra“, presinto o desastre que vou ver.
Coa entrada na miña “Posesión”, entro no cine. Paso ao carón de “La Tienda“, matinando que quizás, unha enorme cunca de flocos de millo, fose como “El Talismán” que puidese salvar a función. Entro polo escuro corredor que me lembra ao “Pasillo de la Muerte”. A sala está medio chea, todo o mundo mirando os seus móbiles, co ollar perdido, como se fose un “Cementerio de animales“. Sento e apago o meu “Cell(ular)“. Apáganse as luces, imos aló.

A primeira imaxe dun mocoso en Nova Iorke, xa me incomoda. Non é posible que o filme non empece co mítico… “O home de negro fuxía a través do deserto e o pistoleiro ía en pos de el”. Non pode ser. Mal comezamos, mal, moi mal. Os primeiros minutos están centrados no rapaz e temo o peor, a historia vai estar contada desde o seu punto de vista e iso e imperdoable. O protagonista ten que ser o pistoleiro, si ou si, o resto é secundario. Para rematar o desaguisado, vemos ao home de negro. Si, o home de negro, esa personaxe escura e escorregadiza, que nunca acabamos de ver no libro, aquí sae ás primeiras de cambio, todo “El Misterio (de Salem’s Lot)” desvelado. Penso que a partir de aquí a cousa só pode ir a peor e os presaxios, confírmanse. “La historia (de Lisey)” non ten pes nin cabeza. Se non liches “La Torre Oscura”, non entenderás absolutamente nada, estarás máis perdido que un cego observando “El retrato de Rose Madder”, máis perdido que un adicto ao xogo en “El juego de Gerald”, máis desorientado que un arqueólogo buscando “Corazones en la Atlántida”. Se coñeces a historia, notarás como dentro de ti empeza a formarse “La Tormenta del Siglo”, como te invade a “Rabia”, as túas pupilas arden como se tiveras “Ojos de Fuego”, en fin, mala cousa.
En canto aos actores, só se salvan, lixeiramente, Idris Elba e Matthew McConaughey, pero a verdade é que a seu traballo no da para moito máis. Nin os efectos especiais son dignos de mención e só a escena no poboado ten “El Resplandor” suficiente.

Remata a película. É unha das peores que teño visto no cine. Nada compensaría o prezo da entrada, nin sequera se fora acompañado da preciosa “Christine”, a “Chica que amaba a Tom Gordon”. Nin iso. Érgome derrotado, recollo a miña mochila, que pesa como “Un saco de huesos” e saio ás agachadas do cine como se fose un “Fugitivo”, fuxindo por unha “Carretera Maldita”. Estou enfadado e defraudado. Para facer isto era ben mellor no facer nada. “Eso” que vas ver non é a Torre Escura que ti soñabas ver. Os seguidores da saga, que aturamos “La larga marcha” que foi a publicación dos libros durante 30 anos, non mereciamos unha película así e o autor de “Carrie” non debería telo permitido.
Na cama sigo matinando na película, o “Doctor Sueño” non me visita esta noite e teño “Insomnia”. Os meus ollos acesos como “Ojos de Dragón”, non son quen de durmir. ¡Que “Misery” de película!, ¡que “Desesperación”!. Nin o “Apocalipsis”, nin mil “Dolores (Clairbone)”, nin un maldito “Maleficio” farán que volva caer na trampa. Mentres teño un “Revival” de imaxes confusas da película que podería ter sido, por fin “El cazador de sueños” cólleme nas súas redes e “Montando en la bala” entro en “La zona muerta” do sono.
Como di o refrán, “Quien pierde, paga e neste caso o que paga, perde o tempo e os cartos.

Asinado “Mr. Mercedes“, alcumado “Colorado Kidd”, desde un remoto pasado, “22/11/63”.

Vaidades

Vaidades

Sempre rematas queimado, na fogueira das vaidades.

Vaidades de Luar Na Bailada en 500px.com

Ao continuar empregando o sitio, aceptas o uso de cookies. máis información

Os axustes de cookies para esta páxina están para "aceptar cookies" para darche a mellor experiencia posible ao navegar por este sitio. Se segues empregando esta páxina sen trocar os teus axustes de cookies ou premes en "Aceptar" estás a dar o teu consentimento a estes axustes.

Close