Navegación por
Etiqueta: Rural

Se vende (Véndese)

Se vende (Véndese)

SE VENDE

O cartaz diante da cancela da finca non deixaba lugar a dúbidas.

De todos os xeitos, volvín mirar.

Se vende. En letras grosas e negras sobre un fondo alaranxado.

Inconfundible.

Quedei un pouco sorprendido.

Ese é un dos camiños polos que acostumo deambular nos meus paseos en bicicleta. Por alí pasei a semana anterior.

Como todas as veces que o facía, o canciño amarrado a unha curta cadea perpetua non revisable, ladrábame coma un tolo, defendendo, a fuciño engurrado, a integridade do seu reducido mundo. Eses ladros provocaban que a vella habitante da casa, que sempre estaba fóra argallando nalgo, xirase a cabeza para buscar quen rompía a súa calma e a súa rutina e alporizaba dese xeito ao seu canciño pequeno.

Virábase paseniño e miraba.

Miraba como só as vellas da aldea saben mirar.

Fitaba como se puidese albiscar as túas intencións. Ao ver a un ciclista, rechamangueiro, bafexando pola aquela costa, baixaba a mirada co desprezo propio de alguén que se ve interrompido nunha grande labor por unha insignificancia.

E mentres, eu seguía bafexando e mirando para o can que seguía ladrando, para a vella que volvía á súa angueira, para a casa, levantada hai decenios.

Así foi durante moitos meses.

Bafexar, ladrar, fitar, bafexar e seguir.

Ata o outro día.

O cartel de SE VENDE, mudouno todo.

O can. O canciño, liberado da súa cadea. Liberado, probablemente, de xeito miserento e covarde da dura e ingrata vida que lle tocou vivir.

A casa, fechada. Sen vida saíndo pola fumeira a pesares da friaxe e humidade do día.

A vella. Hai dous días, as campás anunciaron a súa ausencia.

Véndese? Non.

SE VENDE.

Esvaecendo o país e o rural cun simple cartaz laranxa con letras negras e grosas.

Sementando morte

Sementando morte

Sementando morte no campo santo,
cadaleitos agromando do agro,
sucos dereitos con cruces ben tortas.

Sementado morte no campo santo de Luar Na Bailada en 500px.com

Bandeiras dos nosos gais (e lesbianas)

Bandeiras dos nosos gais (e lesbianas)

Agrogai de Luar Na Bailada en 500px.com

Ao continuar empregando o sitio, aceptas o uso de cookies. máis información

Os axustes de cookies para esta páxina están para "aceptar cookies" para darche a mellor experiencia posible ao navegar por este sitio. Se segues empregando esta páxina sen trocar os teus axustes de cookies ou premes en "Aceptar" estás a dar o teu consentimento a estes axustes.

Close