Navegación por
Categoría: Cervecine

A cervexa no cine

Cervexa Indio en “La Tierra Aún Se Mueve”

Cervexa Indio en “La Tierra Aún Se Mueve”

La Tierra aún se mueve” do mexicano Pablo Chavarría Gutiérrez é cine experimental do duro, con escenas interminables e sen sentido, dese cine que ou entras ou saes espavorecido. Eu fun destes. Custoume acabala, pero polo menos deume para atopar unha nova cervexa que engadir a esta sección que xunta cervexa e cinema.

Nesta ocasión volvemos a atopar outra marca da cervexaría do grupo Cuauhtémoc Moctezuma, da que xa falamos cando xuntamos a Tecate Light e Hell Boy 2.
A cervexa Indio é unha rubia lager tipo Viena, con 4,1º que, como a maioría das cervexas comerciais non é ningunha marabilla.

Aquí queda o vídeo coa típica escena nun billar, tapete verde e unha cervexa.

Cervexa Tecate Light en Hell Boy 2

Cervexa Tecate Light en Hell Boy 2

¿Que non pode facer ese son inconfundible dun lata de cervexa cando se abre? Pois é quen de unir a dous seres cunha apariencia ben estraña, é quen de poñelos a cantar unha canción empalagosamente romántica e non sei cantas cousas máis. Polo menos, iso é o que pasa cando un par de monstros se poñen a beber unha Tecate Light na película Hellboy 2.

Así que desta vez toca falar da cervexa mexicana Tecate que aparece na película Hellboy 2: O exérciro dourado (Guillermo del Toro, 2008, EEUU).
A cervexeira Tecate foi fundada no ano 1944 no pobo do mesmo nome na Baixa California, México. Pasados dez anos foi mercada pola Cervecería Cuauhtémoc, unha empresa fundada a finais do século XIX. Nos anos 80, a empresa Moctezuma, tras unha grave crise financieira, fusiónase con Cuauhtémoc e forman o grupo Cuauhtémoc Moctezuma. Como tantas veces ten ocurrido, as empresas grandes compran as pequenas e no ano 1994, o grupo canadiano Labatt, faise coa compañía mexicana. Na actualidade forma parte do grupo Heineken. Tecate foi a primeira marca en empregar o formato lata en México.
A Tecate Light é unha cervexa rubia de estilo Lager (American Light), de tan só 3,7 graos. Como podedes imaxinar, aínda que sexa a cervexa favorita dun diaño roxo como unha centola, a cervexa Tecate Light non é ningunha marabilla, tal como confirman as puntuacións en Ratebeer e Untappd.

Na película, Hellboy aparece en varias ocasións bebendo Tecate Light, deixamos un par de vídeos subidos por Luena Rincón e Joshua Riveros.

De cañas no Madrid dos anos 50

De cañas no Madrid dos anos 50

Brigada Criminal (Ignacio F. Iquino, 1950) conta a historia dun policía recén licenciado e o primeiro caso que lle toca levar e infiltrarse nun lavadoiro de coches pra intentar coller aos culpables duns pequenos roubos que se fan nun garaxe. Ao tempo, o que semellaba un caso sinxelo vaise complicando pouco a pouco.

O caso é que en Brigada Criminal aparecen dous policías tomando unha caña, moi ben tirada por certo, nun bar de Madrid, preto da estación Alonso Martínez, nos anos cincuenta. O tirador é moi probable que sexa de cervexas El Aguila e o establecemento probablemente sexa o bar La Concha.
Tal e como se pode ver nesta foto da páxina Madrid Antiguo, a semellanza é bastante fiable.

Cervexa Jever en Panke

Cervexa Jever en Panke

En 1848 Diedrich König funda a cervexaría Friesisches Brauhaus zu Jever na cidade de Jever (Baixa Saxonia, Alemaña). A cervexa que fabricaba chamábase Jever e nos seus inicios tivo que soportar unha competencia brutal pois na zona había máis de vinte cervexarías. En 1867 morre o fundador e o fillo véndea a Theodor Fetköter que intenta converter unha empresa familiar nunha gran cervexaría grazas ao emprego de anuncios e botellas especiais. As dúas guerras mundiais supuxeron momentos duros para a fábrica. Na primeira, o fillo de Fetköter, responsable da cervexaría naqueles momentos, foi enviado ao fronte onde morreu. Na segunda, a dificultade para atopar combustible fixo que a cervexa so se puidera mercar ás portas da fábrica, pois non había posibilidade de distribuíla. Co paso dos anos a cervexaría vai sendo mercada por industrias máis potentes e hoxe en día pertence a Oetker Group.

A cervexa máis coñecida é a Jever Pilsener, unha cervexa tipo Pilsen, de 4,9% (ABV) e 33 IBU, cunha nota de 3,05/5 en Ratebeer e de 3,19/5 en Untappd.

Imaxe de Ratebeer

 

Imaxe de Untappd

Panke é un medio-metraxe do arxentino Alejo Franzetti (Arxentina, 2016) na que conta a historia de Amadou, un emigrante de Burkina Faso, que agora vive en Marsella. Amadou ten que viaxar ata Berlín para facer os trámites para repatriar o corpo do seu irmán Issaka, ao seu país de orixe. Unha historia sobre a emigración, a morte, a familia, contada dun xeito especial e arriscado.

Nun fotograma da película podemos ver a Amadou na casa do seu irmán falecido, sentíndose como un estraño e atopa na terraza unha curiosa construción de botellas de cervexa Jever.

Ao continuar empregando o sitio, aceptas o uso de cookies. máis información

Os axustes de cookies para esta páxina están para "aceptar cookies" para darche a mellor experiencia posible ao navegar por este sitio. Se segues empregando esta páxina sen trocar os teus axustes de cookies ou premes en "Aceptar" estás a dar o teu consentimento a estes axustes.

Close