Navegación por
Etiqueta: Historia

Bombas de birra na II Guerra Mundial

Bombas de birra na II Guerra Mundial

O chamado Día D foi un dos eventos chave na ofensiva aliada para reconquistar Europa das mans dos nazis. Unha vez superada a proba inicial de tomar as praias francesas, o exército aliado comezou a avanzar cara o interior. A pesar de todas as penalidades, dúas semanas despois do comezo da operación Overlord, un reporteiro na zona escribe que, as tropas inglesas non poden beber máis que unha sidra augada, nada de cervexa por aquelas terras francesas.

Os primeiros intentos de levar cervexa terra a dentro dan os seus froitos. Un spitfire IX do Escuadrón noruegués 332 sobrevoa a Canle da Mancha cun tanque de combustible reconvertido, cargado con cervexa inglesa: unha PA Ale, agasallo da cervexaría Henty & Constable de Chichester, que pecharía so dez anos despois en 1954.

Tangmere, Sussex, xullo de 1944. Tanque de combustible dun Typhoon/Hurricane reconvertido para ser empregado nun Spitfire e levar cervexa inglesa á fronte francesa. Decatarse da mensaxe escrita, “zume de ledicia”

Probablemente, o primeiro envío de cervexa desde o aeroporto de Tangmere en Inglaterra, ata Bény-Sur-Mere en Francia, chegou sobre o trece de xuño de 1944, apenas unha semana despois do desembarco e, a pesar do “regusto” a carburante, foi todo un éxito entre as tropas alí situadas.
Mais, este non foi o único método para lograr levar a ansiada cervexa desde Inglaterra ata as terras francesas. Debido a algúns problemas cos avións Typhoon, a algúns membros polacos da RAF ocorréuselles a marabillosa idea de colocar no lugar das bombas, unhas pipas cheíñas de cervexa; as auténticas “bombas de cervexa” empezaron a chegar ata a zona de Caen a principios de agosto de 1944, e de novo semella que a cervexaría Henty & Constable era a encargada de encher as pipas.

Un Spitfire IX cunha pipa de cervexa no lugar das bombas.

Parafraseando aquela famosa frase antibelicista dos oitenta, “bombas si, pero de cervexa”.

A maior parte da información está sacada do excelente blog Zytophile, en concreto, desta entrada You won’t believe this one weird trick they used to fly beer to the D-Day troops in Normandy e do interesantísimo libro Strange Tales of Ale, ámbolos dous de Martyn Cornell.

Ao continuar empregando o sitio, aceptas o uso de cookies. máis información

Os axustes de cookies para esta páxina están para "aceptar cookies" para darche a mellor experiencia posible ao navegar por este sitio. Se segues empregando esta páxina sen trocar os teus axustes de cookies ou premes en "Aceptar" estás a dar o teu consentimento a estes axustes.

Close