Revolución Aliboriana

Revolución Aliboriana

AliboriaXosé Lois Romero & Aliboria xorden na música tradicional galega cunha forza inusitada. Hai moito tempo que non escoitaba un disco tan rompedor, comparable á revolución que supuxeron, no seu momento, os primeiros discos de Berrogüetto, Mercedes Peón ou Radio Cos, por poñer uns exemplos. Hai tempo que non gozaba dun traballo ao vivo dese xeito tan ancestral e primitivo, sentindo máis co corazón que coa cabeciña.

Semella paradoxal que a revolución sexa froito de elementos tan tradicionais e populares: pandeiras e adufes, tarrañolas e tixolas, piñas e cunchas e, por suposto, esas marabillosas voces que, como fíos invisibles, conectan todo. Sen embargo, as revolucións sempre se fan desde a base. Lembro a un profesor de fotografía que sempre insistía, “para romper as normas, hai que coñecelas”. Paradoxal tamén que, sendo, posiblemente, o seu proxecto máis persoal, máis de seu, precise rodearse de tanta xente, pero é que as revolucións non se fan en solitario e Xosé Lois Romero atopou en María Montero, Jorge García, Andrea Montero, Ramón Dopico, Cristina Sánchez, Mariana Montero, Antonio Prado, Alejandra Montero, Cristina Pico á tropa necesaria para dar esa alancada revolucionaria.

O disco é un prodixio na gravación. Cada instrumento soa e soa na súa xusta medida, nada sobra, nada falta. O repertorio é un conxunto de clásicos que case todo o mundo coñece pero que, grazas a eses arranxos maxistrais, cobran unha vida nova, algo moi complicado de conseguir en temas tan trillados. A presentación tamén está moi coidada, cun libreto moi orixinal e didáctico. Mais, o mellor de todo é  ir a un concerto de Aliboria, a forza que transmiten eses instrumentos ancestrais e esas voces asalvaxadas non ten parangón e transmiten un orgullo polo propio moi emocionante.

O mellor. Unha revolución no xeito de tocar, de arranxar os temas. Unha calidade incuestionable. Unha ocasión única para recuperar xeitos de tocar e reivindicar instrumentos relegados a ambientes folcloristas. Un amor e respecto por todo o que vén de atrás e esperanzas para o futuro. Quizais o pulo necesario para que tomemos conciencia da grande tradición que temos e ata onde se pode chegar.

O peor. Que non teña a (re)percusión suficiente e quede como un experimento, como algo anecdótico. ¿Quen carallo se vai a atrever agora  a coller unha pandeireta e saír a cantar por aí?

Como exemplo do dito este Toutón modernizado e salvaxe.

+info sobre a a percusión galega en: Bater na pel, ponse de moda en Cultura Galega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ao continuar empregando o sitio, aceptas o uso de cookies. máis información

Os axustes de cookies para esta páxina están para "aceptar cookies" para darche a mellor experiencia posible ao navegar por este sitio. Se segues empregando esta páxina sen trocar os teus axustes de cookies ou premes en "Aceptar" estás a dar o teu consentimento a estes axustes.

Close