Navegación por
Etiqueta: Guernica

Ilegales, Guernica, Celso Emilio

Ilegales, Guernica, Celso Emilio

Oitenta anos desde que Pablo Picasso fixera esta obra mestra.
Oitenta anos e segue tan vixente como o primeiro día.
Oitenta anos de barbarie reflectidos en 27 metros cadrados dun lenzo en branco e negro.

Lembrar ao Guernica

A música que me trae o Guernica é Ilegales e o seu nihilista “Ángel exterminador“. Unha letra que “desarma” a calquera e que debería ser de obrigada escoita antes de se alistar a calquera exército.

Lembrar ao Guernica en si mesmo.

Lembrar ao Guernica

Celso Emilio Ferreiro e o seu poema “Soldado”.
De obrigada lectura para aquel que quixera ser un heroe forxando a súa lenda na morte dos fillos das nais do seu propio país.

Soldado

Tiña os ollos azules poboados de preguntas
sobre o tempo i as colleitas. Seu pensamento estaba
cos segadores cantando na serán, ao comenzo
do solpor, cando a noite empeza a ser mociña.
Non comprendía os termos honorábeles,
nin as palabras encheitas de solemne soberbia,
nin aos homes aquelados de estúpida suficiencia
que se coidaban importantes
porque os seus devanceiros chegaron a señores
a forza de prostituírse, axionllarse e podrecerse.
Ouvía falar dos deberes co estado soberano,
das sacras instituciós, do orde, da groria
e lembrábase axiña do carballo que había
na porta do seu casal, alá na outa montaña,
perto dun río que fungaba un laio monocorde
de escumas entre as pedras; lembrábase asimesmo
do traxe esfarrapado do escolante loiro
que un día fora á guerra e non voltara;
e aínda se lembraba das maletas dos emigrantes
e das anduriñas que pasaban voando cara o sul.
Tiña o corazón cheo de verbas pequeniñas
coma cativas patrias ou pulsos latexantes.
Iletrado e sinxelo, gardaba a sabencia dos bosques
e interpretaba o profundo vento que xeme na noite.
Decía con dozura as súas verbas antigas
e dempóis calaba pra escoitar o silencio
do mundo, dilatado e inmenso coma unha chaira.
Abría as maus labregas,
que agora empuñaban un fusil,
e púñase a miralas con atención lenta e teimosa.

2

De súpeto, nos límites lonxanos do horizonte
fitóu o resprandor dunha cidá en chamas
semellante a un remoto mencer amarelo.
De enriba baixóu un rumor de treboada,
un xordo bruído de río enrabexado,
coma un rouco balbordo cubrindo a paisaxe.
Oubeóu un can nos arrabaldos,
e comenzaron os lóstregos.
O fume,
coma unha palmeira xigantesca
abríu os seus brazos ardentes
i esparexéu pola bóveda celeste
un escuro anuncio de morte.
Asubíos e lóstregos.
Os paxaros da tarde
caíron mortos cal follas de outono.
A sireia da fábrica erguèu o seu chifro
fendendo en dous anacos o día tépedo,
o día húmido e íntimo con sabor de beixo.
Lóstregos.
(Alcendéuse a bombilla.)
Unhas maus deformes afirmaron os cotobelos
no aire estremecido
e un retablo de caras esmaceladas,
mirando para o cumio, increparon aos dioses.
Queimada carne, pernas, pés, ferraduras…
Un touro axexante, coma un Minotauro perdido
nun laberinto de brazos, rostros, pernas, seos tumefactos,
muxía longamente.
(Apagóuse a bombilla).
Un cincel roto
procramóu a súa protesta.
Un cabalo
dislocado, desbocado, agallopóu frenético
sobre os cascos de pedra e nitroglicerina.
Lóstregos.
Fedía a cortello misturado con cloaca e azofre.
(Alcendéuse, apagouse a bombilla.)
Viuse e non se viu unha paisaxe
de brazos, rostros, pernas, dedos,
tellas, seos, portas, aramios…
Lóstregos e os derradeiros estoupidos.
Dempóis, nada. Silencio. Un mesto silencio
de noite nevada ou de terra erma.
Xorxe, meu vello amigo:
ti que estás cos que sofren a historia
i en contra dos que a escriben,
¿como fuches parar á tropa?

3

Chegaron ás aforas da cidade
cubertos de borralla e de cansancio.
O teniente berróu “alto, ¿quén vive?”;
na inmensa soedá nasceron nardos.
O silencio da noite estrelecida
era un longuísimo camiño branco.
As cartucheiras ían tintintín,
decían tintintín, marcando o paso.
Un bisoño decúbito supino
miraba para o ceo despiadado,
no fusil unha mau,
na outra mau un saco.
O fillo da súa nai estaba morto,
groriosamente morto sobre un charco.
Tiña nos ollos vento. Preguntaba
cunha ollada azul de animal manso.
Xorxe, meu vello, meu eterno amigo,
dime no que estás pensando.

Unha triloxía case perfecta

Ao continuar empregando o sitio, aceptas o uso de cookies. máis información

Os axustes de cookies para esta páxina están para "aceptar cookies" para darche a mellor experiencia posible ao navegar por este sitio. Se segues empregando esta páxina sen trocar os teus axustes de cookies ou premes en "Aceptar" estás a dar o teu consentimento a estes axustes.

Close