Son

Son

No ano 1994 descubrín internet e desde o primeiro momento quedei enganchado a aquela cousa que xa desde o principio deixaba albiscar posibilidades infinitas. Aquela internet non se parecía en nada ao que vemos agora. Non había buscadores, non existía o compoñente social, estaba todo virxe e inexplorado. O termo “navegar” tiña todo o sentido do mundo, sabías por onde entrabas, pero como unha boia á deriva ías dun sitio a outro sen sentido e cando remataba a singradura do día, non tiñas nin idea de como fora a viaxe ata chegar a aquel inesperado destino.

Catro anos despois fixen a miña primeira achega á rede: creei unha páxina web sobre o coleccionismo de botellas de cervexa. Case vinte anos antes da explosión da cervexa artesá, eu andaba enfrascado en crear “comunidade” arredor da chamada “breweriana”. Case o tempo, creei un grupo de novas (“news”) sobre o mundo da cervexa e unha listaxe de distribución para poñer en contacto coleccionistas de todo o mundo de fala hispana, o xeito social estaba aí, chamando ás portas.

Arredor de 2004, o termo “caderno de bitácora” empezou a callar dentro da internet e xa nese momento empecei a barallar a posibilidade de crear un blog. Mais tiveron que pasar case dous anos ata dar o paso definitivo. Unha andaina que non fixen so, dous amigos, deses de toda a vida, compartiron camiño para formar Zentolos, un blog sen ideas prefixadas que foi cambiando e evolucionando sen ton nin son, do mesmo xeito que nós cambiabamos. Chegou a ter certo e relativo éxito, sobre todo por cousas que hoxe chamariamos virais, pero que naqueles tempos eran simplemente unha puta pasada de visitas…A pesar de que os amigos foron abandonando o barco, o blog sigue en liña e pódese seguir consultando.

E agora comezo unha nova etapa, principalmente porque os meus gustos e inquedanzas trocaron tanto que, Zentolos xa non pode servir de soporte, sobre todo, porque este blog vai ser integramente en galego, algo que no principio xa barallara para Zentolos, pero que finalmente non callou.

Son apaixonado da cervexa artesá. Son cinéfago e cinéfilo. Son amante da música tradicional. Son afeccionado á fotografía. Son.

Isto é Zentoleando, sei como empeza, pero nin idea de cara onde vai ou onde vai rematar.

Ao continuar empregando o sitio, aceptas o uso de cookies. máis información

Os axustes de cookies para esta páxina están para "aceptar cookies" para darche a mellor experiencia posible ao navegar por este sitio. Se segues empregando esta páxina sen trocar os teus axustes de cookies ou premes en "Aceptar" estás a dar o teu consentimento a estes axustes.

Close