De cañas na casa con Waytap

De cañas na casa con Waytap

Un dos soños de calquera bebedor de cervexa é poder gozar, na casa, dunha caña ben tirada dalgunha das súas cervexas favoritas.

Hai anos que ando á procura dese soño.

Nun primeiro momento pensei en mercar, de segunda man, un tirador da estrella para poñer na barra do bar que teño instalada no salón da casa. O problema é evidente, ou bebes cañas a esgalla ou a cervexa acaba derramada. Engadir que o prezo de toda a instalación tampouco era moi atraínte.

Anos despois apareceu un sistema caseiro para determinados tipos de barrís pequenos, de cinco litros. O dispensador de cervexa Krups tentou de facer ese soño realidade…mais non era perfecto. Nunha primeira quenda o Krups, estaba pensado para barrís de Heineken, e a verdade para beber Heineken, mellor quedamos como estabamos. Co paso do tempo a oferta foise ampliando e hoxe en día hai máis marcas pero o sistema ao final non acabou de despegar.

Sen embargo, hai un par de semanas e de xeito totalmente casual, atopei un cacharro que pode facer ese soño realidade. Ciencia e cervexa unidas para dar unha solución enxeñosa, económica e, polo que parece, definitiva e é que Fizzics Waytap, sen empregar CO2, nin nitratos nin trucos raros, consegue que calquera cervexa, en botella ou en lata, acabe nun vaso cunha carbonatación axeitada, cos aromas propios e unha boa e saborosa capa de crema. O Waytap emprega ondas ultrasónicas para conseguir que as burbullas se compacten formando unha escuma densa que lembra á crema producida por un tirador de calquera bar. O sistema está patentado, probado e tal e como afirman centos de persoas e revistas especializadas que xa o probaron, o resultado é óptimo.

Fizzics Waytap fixo xa unha primeira tentativa no ano 2015, grazas a unha campaña de mecenado conseguiu sacar adiante o proxecto, repartindo entre os mecenas unhas 2000 unidades. Mais, neste 2016 decidiron facer un produto máis cómodo, cun novo deseño máis innovador e, sobre todo, cun prezo accesible e que puidera chegar a un público máis amplo. Para conseguilo iniciaron Fizzics Waytap na plataforma Kickstarter. O obxectivo era conseguir medio millón de dólares…levan máis de 800.000 nestes momentos, o que da unha idea clara da viabilidade do proxecto e das gañas do consumidor de cervexa deste tipo de aparellos.

As principais ventaxas do Waytap pódense resumir en:

  • apto para case todos os tipos de botella e lata
  • non precisa unha toma de corrente, vai a pilas
  • moi doado de transportar, polo que se pode mover a calquera sitio
  • o sistema de ondas ultrasónicas non altera o producto
  • prezo accesible (100$ se es mecenas, uns 120-130$ cando saia ao mercado).

Teño participado noutros proxectos de mecenado deste tipo, sobre todo, para a edición de traballos discográficos ou películas, mais nunca tivera participado nun financiamento de tipo empresarial. Se todo vai ben e se cumpren as expectativas, a finais de ano poderemos probar o produto. Agora que a cervexa artesá está nun momento doce, abrindo mercados e gañando visibilidade, pode ser que este aparato sexa o empurrón definitivo para conseguir que a cervexa artesá se consolide, por fin, entre os consumidores.

Unha pequena demostración do Waytap neste anuncio da propia marca.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ao continuar empregando o sitio, aceptas o uso de cookies. máis información

Os axustes de cookies para esta páxina están para "aceptar cookies" para darche a mellor experiencia posible ao navegar por este sitio. Se segues empregando esta páxina sen trocar os teus axustes de cookies ou premes en "Aceptar" estás a dar o teu consentimento a estes axustes.

Close