Crítica á Torre Escura en clave bibliográfica

Crítica á Torre Escura en clave bibliográfica

Non tiña ningunha esperanza posta nesta adaptación cinematógrafica dunha das sagas que máis me teñen gustado. Imposible adpatar en hora e media, oito libros e miles de páximas, pero ben se podía ter feito doutro xeito. En canto saín do cine empecei a maquinar esta crítica á Torre Escura a través de referencias bibiográficas do propio autor Stepken King, unha viaxe crítica a través dos seus libros, empregados co seu título en castelán.

Dicir que son fan absoluto da saga da Torre Escura, é dicir pouco. Unha saga que me atrapou desde que lin o primeiro libro, alá polos oitenta, ata o derradeiro, publicado 30 anos despois. Unha espera longa e coa incerteza de saber se algún día remataría.
A verdade é que xa o temía. Tiña a case completa seguridade de que a película ía defraudar, pero a miña “Mitad Oscura“, esa que é quen do mellor e do peor, tomou a decisión.
Saín da casa, collín o meu “Buick 8” do garaxe e saín ao encontro desa cita tan agardada. É media tarde, entro no centro comercial, “La Cúpula” de cristal ilumínao todo, pero para min é como entrar nunha “Casa Negra“, presinto o desastre que vou ver.
Coa entrada na miña “Posesión”, entro no cine. Paso ao carón de “La Tienda“, matinando que quizás, unha enorme cunca de flocos de millo, fose como “El Talismán” que puidese salvar a función. Entro polo escuro corredor que me lembra ao “Pasillo de la Muerte”. A sala está medio chea, todo o mundo mirando os seus móbiles, co ollar perdido, como se fose un “Cementerio de animales“. Sento e apago o meu “Cell(ular)“. Apáganse as luces, imos aló.

A primeira imaxe dun mocoso en Nova Iorke, xa me incomoda. Non é posible que o filme non empece co mítico… “O home de negro fuxía a través do deserto e o pistoleiro ía en pos de el”. Non pode ser. Mal comezamos, mal, moi mal. Os primeiros minutos están centrados no rapaz e temo o peor, a historia vai estar contada desde o seu punto de vista e iso e imperdoable. O protagonista ten que ser o pistoleiro, si ou si, o resto é secundario. Para rematar o desaguisado, vemos ao home de negro. Si, o home de negro, esa personaxe escura e escorregadiza, que nunca acabamos de ver no libro, aquí sae ás primeiras de cambio, todo “El Misterio (de Salem’s Lot)” desvelado. Penso que a partir de aquí a cousa só pode ir a peor e os presaxios, confírmanse. “La historia (de Lisey)” non ten pes nin cabeza. Se non liches “La Torre Oscura”, non entenderás absolutamente nada, estarás máis perdido que un cego observando “El retrato de Rose Madder”, máis perdido que un adicto ao xogo en “El juego de Gerald”, máis desorientado que un arqueólogo buscando “Corazones en la Atlántida”. Se coñeces a historia, notarás como dentro de ti empeza a formarse “La Tormenta del Siglo”, como te invade a “Rabia”, as túas pupilas arden como se tiveras “Ojos de Fuego”, en fin, mala cousa.
En canto aos actores, só se salvan, lixeiramente, Idris Elba e Matthew McConaughey, pero a verdade é que a seu traballo no da para moito máis. Nin os efectos especiais son dignos de mención e só a escena no poboado ten “El Resplandor” suficiente.

Remata a película. É unha das peores que teño visto no cine. Nada compensaría o prezo da entrada, nin sequera se fora acompañado da preciosa “Christine”, a “Chica que amaba a Tom Gordon”. Nin iso. Érgome derrotado, recollo a miña mochila, que pesa como “Un saco de huesos” e saio ás agachadas do cine como se fose un “Fugitivo”, fuxindo por unha “Carretera Maldita”. Estou enfadado e defraudado. Para facer isto era ben mellor no facer nada. “Eso” que vas ver non é a Torre Escura que ti soñabas ver. Os seguidores da saga, que aturamos “La larga marcha” que foi a publicación dos libros durante 30 anos, non mereciamos unha película así e o autor de “Carrie” non debería telo permitido.
Na cama sigo matinando na película, o “Doctor Sueño” non me visita esta noite e teño “Insomnia”. Os meus ollos acesos como “Ojos de Dragón”, non son quen de durmir. ¡Que “Misery” de película!, ¡que “Desesperación”!. Nin o “Apocalipsis”, nin mil “Dolores (Clairbone)”, nin un maldito “Maleficio” farán que volva caer na trampa. Mentres teño un “Revival” de imaxes confusas da película que podería ter sido, por fin “El cazador de sueños” cólleme nas súas redes e “Montando en la bala” entro en “La zona muerta” do sono.
Como di o refrán, “Quien pierde, paga e neste caso o que paga, perde o tempo e os cartos.

Asinado “Mr. Mercedes“, alcumado “Colorado Kidd”, desde un remoto pasado, “22/11/63”.

2 pensamentos sobre “Crítica á Torre Escura en clave bibliográfica

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ao continuar empregando o sitio, aceptas o uso de cookies. máis información

Os axustes de cookies para esta páxina están para "aceptar cookies" para darche a mellor experiencia posible ao navegar por este sitio. Se segues empregando esta páxina sen trocar os teus axustes de cookies ou premes en "Aceptar" estás a dar o teu consentimento a estes axustes.

Close