Fuxan os Ventos vs. Brigan: A saia da Carolina
Se hai unha cantiga popular dentro do extenso repertorio galego, ben podería ser “A Saia da Carolina”, ou tamén coñecida simplemente pola “Carolina”. A orixe da cantiga é popular e diferentes versións aparecen tamén en Asturias, León ou no norte de Portugal. Como tantas cantigas populares, a letra ten un dobre sentido pícaro e fala dunha moza que ten tolos a moitas das forzas vivas masculinas da vila.
Hai moitos grupos que fixeron versións desta canción, pero a máis recoñecida é a que a popularizou de xeito definitivo o grupo lugués, Fuxan os Ventos, que a publicou naquel mítico álbum de 1978 chamado Sementeira.
Recentemente o grupo italiano Brigan ven de facer unha versión moi interesante. Este grupo do sur de Italia comezou a súa andaina facendo música irlandesa, pero nunha viaxe descubriron que a súa propia música popular tiña máis semellanzas coas músicas do noroeste ibérico que coas irlandesas. Produto desta e doutras viaxes por Galicia, fixeron un traballo que mestura as músicas galegas e italianas dun xeito bastante interesante. Unha proba desta mestizaxe é a versión feita deste clásico galego, ao que, cousa realmente sorprendente, lle dan unha volta ao mezclar A Carolina cunha melodía e ritmo típico do sur de Italia.
Velaí van as dúas versións para que poidas comparar.
Fuxan os Ventos no Auditorio de Galicia no espectáculo “Terra de Soños” no ano 2008.
Brigan no Galileo Galilei durante a súa recente xira española.